ENTREVISTA | Mahmoud Darwish
«Aprendín que o poder da poesía é a súa fraxilidade»
19/04/2006
Unha das principais voces poéticas do mundo árabe considera que a lírica serve para «conservar a vida que nos queda» e asegura que o trunfo da relixión é o fracaso da política
(Firma: Camilo Franco | Lugar: santiago)
Poucas horas despois de que un suicida palestino matara a nove personas en Tel Aviv, Mahmud Darwish, un dos grandes poetas do mundo árabe, defendía en Compostela a necesidade de que a «poesía manteña viva unha vida que nos queren negar, que case non é vida». Darwish (Galilea, 1942) é unha voz poética referencial para os palestinos que trascende a importancia literaria. O escritor recibiu onte o nomeamento de «poeta galego universal» concedido pola Asociación de escritores en lingua galega.
-Na súa intervención fixo unha defensa dos cometidos líricos da poesía, case fronte aos cometidos épicos.
-Hai un poeta grego, Yannis Ritzos, que definiu a miña obra como épica e lírica ao mesmo tempo. Quedei contento desta definición aínda que nos últimos tempos estou máis perto da lírica. A poesía palestina ten que ter as dúas facetas: a batalla do lado épico e, mesturado, as cuestións líricas. No noso caso, a poesía lírica reviste unha voz persoal pero esta, á súa vez, está chea da circunstancia de ser palestino.
-¿Pero hai algún matiz entre facer poesía de resistencia e poesía de combate?
-Creo que a poesía de resistencia ten que ter un horizonte máis amplo que a de combate. Cada poema que fale da fermosura, do amor ou das camelias é un poema de resistencia porque, en realidade, tenta amarrar esa parte da vida que a guerra nos nega. Claro que hai momentos en que a voz persoal do poeta non pode esquecer a voz colectiva e debe facer unha poesía da rabia e do enfado. Un poeta ten que ter dereitos e unha certa obriga deses momentos para berrar. Gran parte da miña poesía tiña ese punto de forza e rabia, pero aprendín que a fraxilidade da poesía é a súa forza.
-Entón non coincide para nada con Adorno e a imposibilidade de escribir poesía despois de Auschwitz.
-Teño usado moitas veces a frase de Adorno. Esa cita é unha metáfora. Explica a dificultade de escribir poesía no tempo da barbarie. A miña resposta é si e non. Non porque explica a fraxilidade da poesía fronte á realidade da guerra. Si porque quere dicir que a poesía non pode morrer. Despois de cada matanza de palestinos sempre nos preguntamos se podemos seguir escribindo poesía. A vida segue e nós temos que seguir para que a catástrofe non nos aniquile como seres humanos, para que non nos quite a vida que nos queda.
-¿Palestina considera que o mundo árabe é pasivo co seu conflicto?
-Hai que diferenciar entre os gobernos árabes e os pobos árabes. Os gobernos árabes son seguidistas dos Estados Unidos e non teñen mecanismos democráticos que permitan aos pobos manifestarse. Os Gobernos non queren enfrontarse e os pobos están frustrados porque non son capaces de facerse escoitar. En parte, é por iso o trunfo das relixións e das seus postulados, porque ofrecen respostas simples a preguntas difíciles.
envio rui mendes